5 sept 2011

LIMPANDO CIES DE INVASORAS E LIXO


Chegando puntuais ao peirao da laxe, algúns com mais cara de sono que outros, vendo caras coñecidas de edicións anteriores do Camiño a Camiño, organizadas pola nosa Concellería de Medio Ambente e máis ou menos asustados ante a crenza de que ían traballar arreo e de Sol a Sol iniciamos o sábado o périplo cara as illas Cies.
Unha vez instalados e ben comidos distribuímonos en tres grupos de traballo e ante as indicacións do persoal do Parque Nacional, un dos grupos foi cara a illa norte onde hai uns anos talaran eucaliptos e acácias e onde agora brotaban con renovadas forzas , estas duas espécies foráneas que invaden o Parque. E dicimos renovadas porque o grupo deu boa conta de brotes, retoños e plantóns das citadas espécies para controlar a sua poboación e iso que o fixeron só ca axudas das suas propias mans cobertas cãs necesarias lubas.
O segundo grupo quedou ante o inicio norte das dunas do areal de Rodas quitando a man un bo montón de rochas e cascallo de cemento que a duna vai descobrendo , afeando o entorno. Todos pertrechados cós seus chalecos reflectantes de voluntariado, foron enchendo capachos de este escombro ou amontoándoos para a sua posterior recollida polo Parque.
E o terceiro e último grupo levou a cabo unha labor de axuda nun proxecto de investigación  dos morcegos que habitan no parque creando uns firmes buratos onde se clavarán unhas estacas que suxeitarán uns micrófonos para a detección destes micromamíferos voadores.
Ao remate e vendo que ía chover fomos recollendo os bártulos e preparándonos para ir a cear. E finalmente rompeu a chover cunha forza inusitada que fixo das tendas de algúns dos voluntarios unha balsa de auga no mesmo camping das Illas.
Erguémonos o domingo desentumecéndonos de tanta humidade pero con un ceo totalmente despexado e cun Sol de xustiza que non nos arredou á hora de quitar lixo dende o areal de Figueras ata todo o areal de Rodas, tarefa que remataron todos aqueles voluntários que xa coñecían o roteiro dos faros que foi a actividade que desempeñou o outro grupo que non fixo limpeza do lixo. Todos contentos ante a repartición das actividades sinaladas para este día finalizamos ao fin as tarefas e deunos tempo a tomar un pequeno chapuzón, recoller tranquilamente as tendas e despedirnos desta fin de semana educativa, de convivenza, traballo e lecer nesta xoia de Parque Nacional que debe ser orgullo de todos nós.

O resume fotográfico da fin semana 3-4 setembro atópase na solapa "Quenda A"